O mundo feudal

Comprender os castelos é entender tamén a época e condicións en que se construíron. Unha fortaleza non é só a vivenda dun señor ou a casa dun nobre. É un centro no cal se relacionan as distintas xentes dunha contorna; un grupo extenso que, nos inicios do tempo dos castelos, se vencellada entre si nunha forma moi concreta: a sociedade feudal. Cómpre dicir que non hai “un feudalismo”, senón varios; diferentes e desenvolvidos conforme a condicións igualmente distintas.

As moi ricas horas do duque de Berry (1486)

En Galicia esta sociedade vai tomando forma, paseniño dende o século IX. Unha monarquía ástur distante e unha aristocracia galega ben potente empezan a explicalo. Os reis ástur-leoneses non eran capaces aínda de impoñer as formas políticas, e non quedaba máis que delegar capacidades nunha aristocracia que, en Galicia, mantivérase con toda a súa forza case dende o século VIII, no tempo dos visigodos e cunha invasión musulmá que apenas afectara trinta anos ao noroeste. Esta aristocracia galega altomedieval, con persoeiros coma o conde Alvito, Odoario, Ermenexildo ou os poderosos bispos e abades, coma san Rosendo ou Sisnando, son as autoridades políticas.

Emprazamiento do Castelo de Portomeiro ocupado entre os séculos VII e IX.

Cando chegan as invasións viquingas no século IX e no X, son a eles a quen recorre a poboación para defenderse. E así, o grupo menos potente da sociedade, o campesiñado, empeza a vincularse como dependente ás elites políticas, renunciando á dereitos. Non poden abandonar un espazo determinado, non poden posuír máis de determinados elementos e non poden xa asociarse a outro señor. Non son escravos, son servos.  En troques reciben, terras de traballo, medios de produción, e seguridade: un señor que os protexe. Por iso este primeiro feudalismo faise cada vez máis forte cara o tempo das invasións viquingas e musulmás. Co seu espallamento, xa cara o século XI, estas formas de vinculación empezan a empregarse tamén entre a propia aristocracia e os máis poderosos toman como vasalos aos menos. Así, aos poucos, deixamos de falar de aristocracia para falar xa de nobreza.

Torres do Oeste (Catoira)

Todo ten ao poder político coma centro; e todo elo dá lugar a formas de vida propias e xeitos de ver o mundo particulares. Iso é o feudalismo no Reino de Galicia; e nel, si o poder político e a aristocracia/nobreza é central, o castelo, a fortaleza, é o edificio máis representativo dese grupo. Por unha banda porque é o seu centro de residencia; seguro, amurallado, con torres e pasos de garda. Lugar de vida cotiá acomodada e de función militar evidente. Pero por outra porque é o símbolo da súa potencia. 

Castelo da Nogueirosa (Pontedeume).

Os castelos medievais, si nos fixamos, están no alto, en montes e curutos. A súa vista domina a contorna sendo punto de referencia e dende aí se avistan propiedades, terras de labor, aldeas, vilas ou bosques; muíños e árbores froiteiras. A poboación dependente, en definitiva, e os seus recursos. Esa é a característica de quen posúe os enclaves: o dominio. Os castelos encerran o simbólico do feudalismo. Fronte ás súas murallas se asinan documentos, se acordan tratos, se emiten xuízos; e por suposto, se libran batallas, se renden exércitos, se erixen señores. Ben o coñecemos en fortalezas de especial pulo na Idade Media como A Rocha Forte, Soutomaior, Castrizán, Vimianzo, Altamira ou Naraío.

Castelo da Rocha Forte (Tumbo B, Catedral de Santiago).

Pero o seu sentido vai máis aló do mundo feudal, pois cando cambia Galicia, namentres vai mudando a sociedade cara o século XV, os castelos, vixiantes das contornas, continúan no reino a ter un protagonismo senlleiro: en canto ao territorio e en canto ao poder. Cambiarán as formas dos edificios e mesmo as funcións, nunha sociedade diferente, pero permanecen coma testemuñas da extensa e intensa historia do Reino de Galicia.

Muralla do castelo de Vimianzo.

Estrutura defensiva composta de bloques de pedra de maior ou menor tamaño, que arrodea unha torre ou núcleo central, presentando un ou máis accesos e sendo de altura variable. A súa complexidade e entidade aumentan conforme se avanza nas formas arquitectónicas, podendo ter torres no medio, coñecidos coma torreóns.

Muralla del castillo de Vimianzo.

Estructura defensiva compuesta por bloques de piedra de mayor o menor tamaño, que rodea una torre o núcleo central, presentando uno o más accesos y siendo de altura variable. Su complejidad y entidad aumentan conforme se avanza en las formas arquitectónicas, pudiendo tener torres en medio, conocidos como torreones.