Partes dos castelos mediavais
Imaxe interactiva coas partes dun castelo medieval sobre o castelo de Vimianzo.
Ilustración de Rubén Rial.
Se nos detemos nas formas dos castelos e nas súas localizacións, atopamos certa variedade en Galicia. O abano vai dende aqueles compostos unicamente por torres ata outros cuxa forma é a de pequenas cidades, porque co paso do tempo tenden a facerse máis complexos. Os da época máis temperá, menos coñecidos, xa se documentan nos primeiros tempos do reino galego (entre os séculos V e VIII). Estes primeiros enclaves veñen a basearse en torres defensivas de pedra con traballo rudo, e unha certa estrutura defensiva. A súa localización correspóndese en xeral con espazos elevados que dominan a contorna e albergan autoridades políticas, elites ou un determinado número de tropas. Xa máis serodios, levantáronse outros de construción máis potente vixilando lugares de acceso estratéxicos para a defensa do territorio, que comezaron a sentar as bases materiais do dominio político das aristocracias. É o caso dos que coñecemos nas rías do bispado de Iria, como as Torres da Lanzada ou as Torres d’Oeste, en Catoira, que xa no século X controlaban as costas contra as invasións viquingas.
Co avance da sociedade feudal e a redución das ameazas exteriores, a preferencia vai mudando cambiando de cara aos castelos construídos en espazos máis chairos ou en zonas altas pero de maior valor en canto á dominación do espazo dun señorío. A contorna entra no espazo señorial do castelo e o señor dispón del. Nestes edificios comezan a aplicarse avances arquitectónicos defensivos, como muros máis altos, torres con ameas, pasos de garda, fosos diversos ou barbacás.
As grandes murallas abranguen agora non só unha torre central, senón varios edificios, polo que algúns dos castelos galegos dos séculos XII e XIII semellan pequenas cidades. Organizadas arredor dun patio de armas, o recinto intramuros tamén acolle cortes, casas e vivendas, capelas ou pequenas igrexas, edificios para gardas e milicias, despensas e alpendres, soldadesca, serventes. Tal é a entidade, que os muros de maior perímetro comezan a protexer tamén espazos produtivos, como granxas e hortas. Iso é o que semella acontecer na Rocha Forte, en Compostela, cara aos anos 60 do século XIII.
Tales núcleos son xa o centro da vida dunha potente nobreza no Reino de Galicia que observa dende a elevación dos enclaves. E os cambios da Baixa Idade Media manteñen as características, como se pode comprobar no castelo de Andrade ou nas torres de Soutomaior. Estas fortalezas enchen agora os seus muros de ameas e merlóns, que protexen unha torre central e máis potente: a chamada torre da homenaxe. É o verdadeiro corazón do enclave, cun nome que ven da homenaxe feudal: a entrada de dependencia dun vasalo para cun señor. Recoñeceremos ben esta torre porque é a máis alta e destacada; xeralmente central, pero non sempre pois pode chegar a estar nun lado. E co paso do tempo, se ao principio todo estaba protexido cunha muralla, esas murallas agora comezan a derrubarse para ter torres no medio, reforzándoas; e incorporar murallas que protexen murallas, en formas concéntricas. Son os chamados “castelos concéntricos” dos que en Galicia coñecemos principalmente e como planta máis desenvolvida a compostelá Rocha Forte xa coas obras que se fixeron no século XIV.
Pero non todo son potentes fortalezas. Tamén contamos con outros edificios máis funcionais, situados nos curutos e alturas montañosas, orientados á vixilancia do espazo; a velar polas rutas e camiños dunha contorna. Son os chamados “niños d’aguia” ou “castelos roqueiros”, formados por torres de maior ou menor potencia que dan aloxamento a un pequeno destacamento. Así aconteceu no castelo do Pico Sacro, no último terzo do século XV. A eles hai que sumar os “castelos de illa”, que se chantan en illas tentando defender puntos de paso ou acceso; en Galicia, por exemplo, temos o de San Paio de Lodo, en Pontevedra.
Os castelos do reino exemplifican pois, nas súas formas variadas e na súa localización, o poder. Por iso, no século XV, cando a nobreza trata de manter as súas rendas asfixiando o máximo posible ao campesiñado, a sublevación que se produce en 1466 ten as fortalezas como obxectivo. É a chamada Guerra Irmandiña. Esta revolta ten nos castelos o seu principal obxectivo; pero non polo seu poder militar senón polo que significan. E así a maior parte das fortalezas medievais do Reino de Galicia foron derrubadas, cunha reconstrución que se fará xa sobre parámetros novos.
Campan dende o XVI os pazos, símbolo e edificio central dunha nova forma de poder social: a fidalguía. Casas fortes, pero non amuralladas; con brasóns e escudos, con xardíns e estancias afeitas á burguesía acomodada. Chega o tempo de novos edificios para o tempo novo dunha sociedade diferente. Os castelos, entre mentres, agardaron prudentes ao seu re-descubrimento romántico e contemporáneo.
Estrutura defensiva composta de bloques de pedra de maior ou menor tamaño, que arrodea unha torre ou núcleo central, presentando un ou máis accesos e sendo de altura variable. A súa complexidade e entidade aumentan conforme se avanza nas formas arquitectónicas, podendo ter torres no medio, coñecidos coma torreóns.
Bloque de pedra que remata a parte superior dun muro a modo de parapeto defensivo. Pode ter un extremo rectangular ou piramidal, colocándose a distancias regulares e deixando un oco entre eles, coñecido como amea (frecuentemente confundido co merlón) ou cañoneira.
Apertura ou vano vertical nun muro, parede ou muralla, coa finalidade de permitir aos defensores dunha fortaleza disparar a uns posibles atacantes proxectís a través dela sen expoñer a súa seguridade.
Edificio principal da fortaleza ou castelo, composto por unha construción cuadrangular de altura elevada que supera á muralla ou o resto do conxunto, e orientada polo xeral á residencia do señor ou autoridade principal. Pode ter remate ameado e certa arquitectura defensiva, coma matacáns ou unha pequena muralla.
Saínte na parte interior dun muro ou muralla que permite o camiño por el facilitando a garda ou a vixilancia do exterior dende o alto do edificio. Tamén chamado paso de garda, comunica co interior do castelo a través de escaleiras que descenden ao patio de armas ou de portas que dan acceso aos torreóns.
Espazo aberto dentro da fortaleza orientado tanto a vida cotiá central, para xuntanzas e actividades comúns, como especialmente á reunión, adestramento ou revista das tropas. Adoita estar arrodeado de edificios relativos ao eido militar, coma cabaleirizas ou alpendres de intendencia e ten boa comunicación co adarve ou paso de garda.
Cavidade escavada no exterior da fortaleza en torno a unha muralla a modo de elemento defensivo para dificultar o acceso a pé de tropas atacantes ou asedios. Podía ser seco, en terra, ou húmido, recheo de auga, facendo en ambos casos imposible achegarse.
Obra saliente e voadiza localizada na parte exterior do alto dunha torre ou muro, deixando espazo aberto para poder ollar cara o piso inferior aos posibles atacantes e hostigalos dende as alturas arroxando proxectís ou líquido.
Estrutura defensiva que protexe o acceso á fortaleza consistente nun muro ou pequena muralla de menor altura e levantada fronte á porta a defender. A súa localización impide acceder en tropel á entrada e obriga a facelo en fila de un ou dous, impedindo unha invasión masiva de atacantes.
Cada unha das torres que se insiren no medio dunha muralla, ofrecendo novas estancias na vida do castelo e reforzando ao mesmo tempo as posibilidades defensivas. Poden ser de planta cuadrangular ou circular e poder ir dispostas nas esquinas dos muros ou no centro da muralla.
Estructura defensiva compuesta por bloques de piedra de mayor o menor tamaño, que rodea una torre o núcleo central, presentando uno o más accesos y siendo de altura variable. Su complejidad y entidad aumentan conforme se avanza en las formas arquitectónicas, pudiendo tener torres en medio, conocidos como torreones.