Castelo de Vimianzo

Municipio: Vimianzo

Parroquia: San Vicenzo de Vimianzo 

Lugar: A torre

O Castelo de Vimianzo é unha das fortalezas medievais máis completas e mellor conservadas de Galicia e durante gran parte da súa historia foi un dos máis importantes castelos dos Moscoso de Altamira.

Porén, as súas orixes semellan estar a finais do século XII ou inicios do XIII cando o Afonso IX, rei de León e de Galicia doa á Pedro Eans Mariño terras nas parroquias Vimianzo e Cambeda. Nese momento semella que se levantou o primeiro castelo que estivo en mans dos Mariño ata o século XIV. En 1348 o rei confiscou a fortaleza xunto cos seus bens a Rui Soga Mariño de Lobeira por débedas e a partir dese momento pasará por diferentes mans ata chegar á familia Moscoso a mediados do século XV, como dote recibida no casamento entre Rui Moscoso e Xoana de Castro e Lara.

Ao longo da segunda metade do século XV o Castelo de Vimianzo foi escenario privilexiado das loitas entre os señores de Altamira e os arcebispos de Compostela. De feito, foi un dos lugares onde Bernaldo Eans de Moscoso tivo preso ao prelado Alonso II de Fonseca. En 1467 as tropas irmandiñas tomaron a fortaleza e posteriormente, cando os nobres esmagaron o levantamento popular, o arcebispo, o mesmo que estivera preso en Vimianzo, aproveitou para apoderarse do castelo. Pouco tempo despois, no 1472, Lopo Sánchez de Moscoso, autoproclamado conde de Altamira, conseguiu recuperalo pola forza das armas. 

O castelo de Vimianzo continuou en mans da casa Altamira durante a Idade Moderna, sendo cabeza da xurisdición de Vimianzo, dedicado á recadación de rendas e administrado por un meiriño. No século XIX a fortificación xa estaba en estado de abandono e en 1870 foi vendida a Ramón Martelo Núñez. O fillo deste, Evaristo Martelo, realizou unha serie de reformas de acondicionamento e converteu ao castelo en residencia de verán. En 1965 un incendio afectou seriamente ao edificio e pouco tempo despois a propietaria, Dolores Martelo de la Maza, cedeuno ao Arcebispado de Santiago. Finalmente en 1973 foi comprado pola Deputación da Coruña, actual propietaria, e acondicionado para a visita.

O edificio que podemos visitar actualmente sitúase nun outeiro pouco prominente pero con boa visibilidade sobre o val de Vimianzo. Está rodeado por un foso defensivo e presenta unha barbacá sobre a que se asenta un recinto amurallado con forma de pentágono irregular. A muralla é de gran altura e está coroada por merlóns pentagonais colocados sobre matacáns. A cerca refórzase con catro torreóns, dos cales o máis alto funcionou como torre da homenaxe. Complétase o recinto cun edificio residencial, dedicado actualmente a mostra de artesanía ao vivo, que debeu ser construído ou reformado no século XIX, en tempos de Evaristo Martelo. Finalmente o centro do castelo é un amplo patio de armas no que se aprecian os alicerces dunha torre central que pertenceu ao primitivo castelo e que foi localizada nas escavacións arqueolóxicas realizadas na década de 1990.

Actualmente ademais de acoller a exposición de artesanía ao vivo da Costa da Morte conta cunha completa exposición sobre a súa historia.

Horario de visitas:

Aberto todos os días excepto os luns. De 10:30 a 14:00 h. e de 16:00 a 18:30 h.. 

Entre o 1 de xullo e o 15 de setembro cámbiase o horario de 10:30 a 14:00 h, e pola tarde, de 16:00 a 20:30 h. 

Máis información.

https://castelodevimianzo.gal/

Muralla do castelo de Vimianzo.

Estrutura defensiva composta de bloques de pedra de maior ou menor tamaño, que arrodea unha torre ou núcleo central, presentando un ou máis accesos e sendo de altura variable. A súa complexidade e entidade aumentan conforme se avanza nas formas arquitectónicas, podendo ter torres no medio, coñecidos coma torreóns.

Muralla del castillo de Vimianzo.

Estructura defensiva compuesta por bloques de piedra de mayor o menor tamaño, que rodea una torre o núcleo central, presentando uno o más accesos y siendo de altura variable. Su complejidad y entidad aumentan conforme se avanza en las formas arquitectónicas, pudiendo tener torres en medio, conocidos como torreones.