Castelo de San Felipe

Municipio: Ferrol

Parroquia: Santa María de Brión

Lugar: San Felipe

O Castelo de San Felipe é unha das máis importantes fortificacións da Idade Moderna de Galicia tanto pola importancia estratéxica como polo seu desenvolvemento e complexidade construtiva.

En 1589 comezouse a edificación do primeiro castelo na entrada da ría de Ferrol, baixo a dirección do alférez Pedro Rodríguez, e bautizouse como San Felipe na honra ao Santo padrón do rey Felipe II. Tratábase en realidade dun pequeno forte que se finaliza cara o 1590 e contaba dous anos despois con 14 pezas de artillería, dependencias para a tropa e almacéns de artillería.

En 1596 formúlase a construción na ría doutros tres fortes: San Martiño (Ares), A Palma (Mugardos) e Santiago, este último semella que non se chegou a edificar. Desta maneira creouse o denominado “triángulo de fogo” entre estas fortificacións que cruzaban os seus disparos e impedían o acceso de calquera embarcación inimiga cara ao porto. A súa utilidade e poder disuasorio foi demostrada en 1639 cando se impediu a entrada na baía dunha frota francesa comandada polo almirante Henri d’Escoubleau de Sourdis.

No século XVIII, xa no contexto das guerras con Inglaterra e da nova política borbónica, decidiuse reforzar as defensas da ría coa construción dunha serie de baterías complementarias (San Cristovo, San Carlos, Punta Viñas, Cabo Prioriño, Segaño…) e acometeuse tamén unha profunda transformación do forte de San Felipe. Esta reforma comezou en 1731  a partir das trazas de Francisco Montaigú e baixo a dirección do enxeñeiro Juan de la Ferrière, substituído posteriormente por Juan de Vergel. Conservouse a antiga fortificación pero vaise ampliar agora tres liñas de defensa cara ao mar e outras tantas cara a terra, acadando unha superficie construída de 21.400 metros cadrados e unha capacidade de 140 pezas de artillería. Unha das grandes achegas deste momento foi o engadido un hornabeque simple con dous medio baluartes orientados cara á fronte de terra, protexido na parte central por un revelín e rodeado por un foso. A grande complexidade das obras fixo que se demoraran 25 anos, ata 1756. 

A eficacia da fortificación foi demostrada na denominada Batalla de Brión no 1800. A armada inglesa desembarcara no areal de Doniños o 25 de agosto coa intención de tomar a praza de Ferrol. Ao día seguinte, houbo un enfrontamento entre o exército inglés e o galego ás portas de San Felipe. O obxectivo dos ingleses era tomar o castelo, pero finalmente tiveron que retirarse ao quedar anulado o efecto sorpresa.

Durante os inicios do século XIX houbo novas remodelacións da fortaleza para adaptala as novas esixencias da guerra contemporánea coa modificación das baterías para a introdución de sistemas de xiro mecánico de artillerías máis modernas, construción de casamatas ou o levantamento dunha torre como punto de observación e dirección artilleira.

Cara a finais do século XIX San Felipe comezará a diminuír a súa importancia estratéxica e o seu uso principal muda ao de prisión militar. Xa no século XX, durante a Guerra Civil, continuou funcionando como presidio e foi escenario de fusilamentos como o da mugardesa e símbolo da resistencia antifranquista Amada García en xaneiro de 1938. 

No ano 2000 o concello adquiriu o inmoble ao Ministerio de Defensa e na actualidade está aberto para a súa visita.

Horario de visitas:

Abre todos os días do ano e hai dúas modalidades de visita.

Visitas libres: 

Mañás: de 10h a 14.

Tardes: de 16h a 20h.

Visitas con guía oficial:

Prezo: 10€ por persoa. (Menores de 10 anos de balde). Inclúe:

Visitas con guía oficial de turismo os xoves e sábados desde o 13 de xullo ata o 18 de setembro, ás 18:00 h. Punto de inicio: entrada do Castelo de San Felipe.

Máis información:

O Castelo de San Felipe está incluído dentro da ruta de baterías militares do Concello de Ferrol que une esta mesma fortificación coa batería de San Cristovo nun percorrido de ida e volta de 6 quilómetros.

https://www.observersciencetourism.com/eres/destino/baterias-militares-de-ferrol-a-coruna

https://visitferrol.com/castillo-de-san-felipe/?lang=gl

Muralla do castelo de Vimianzo.

Estrutura defensiva composta de bloques de pedra de maior ou menor tamaño, que arrodea unha torre ou núcleo central, presentando un ou máis accesos e sendo de altura variable. A súa complexidade e entidade aumentan conforme se avanza nas formas arquitectónicas, podendo ter torres no medio, coñecidos coma torreóns.

Muralla del castillo de Vimianzo.

Estructura defensiva compuesta por bloques de piedra de mayor o menor tamaño, que rodea una torre o núcleo central, presentando uno o más accesos y siendo de altura variable. Su complejidad y entidad aumentan conforme se avanza en las formas arquitectónicas, pudiendo tener torres en medio, conocidos como torreones.