Batería de Cabo Prioriño

Municipio: Ferrol

Parroquia: San Román de Doniños

Lugar: Cabo Prioriño Chico

A batería do Cabo Prioriño formaba parte do reforzamento defensivo da boca da ría de Ferrol que se realizou a partir do 1739 coa instalación dunha serie de fortificacións complementarias aos castelos de San Felipe (Ferrol),  A Palma (Mugardos) e San Martiño (Ares). Precisamente na ribeira norte da ría ademais da do Cabo Prioriño edificáronse pola mesma época os fortíns de Punta Viñas, San Cristovo e San Carlos.

Esta fortificación en concreto, aínda que se construíu no 1739, sufriu diversas modificacións e melloras en 1756, 1761, 1770 e 1779. Precisamente neste ano construíronse as dependencias para a tropa e os oficiais e un forno de “bala vermella”, que tiña a función de quecer os proxectís dos canóns para que ao disparalos desde a batería puidesen causar nas embarcacións inimigas o maior número de danos posibles.

A batería de Prioriño era moi estratéxica xa que era a situada na parte máis exterior da ría de Ferrol. A súa misión era evitar a entrada das embarcacións inimigas na ría e que puidesen fondear na enseada de Cariño. Para cumprir eses obxectivos cruzaba o seu fogo coa batería de Segaño (Ares), na marxe sur da ría.

A comezos do século XIX esta fortaleza abandonouse e a mediados do século as construcións xa se atopaban en ruínas. En 1854 construíuse o actual faro de cabo Prioriño xusto na zona onde se localizaban os cuarteis, que foron desmantelados e a súas pedras reutilizadas como material construtivo.

En 2010 e 2011 realizáronse unha serie de traballos arqueolóxicos, de restauración e acondicionamento da contorna que permitiron habilitar o fortín para a visita e tamén documentar mellor a súa estrutura. A súa forma era a típica da maior parte das baterías costeiras do século XVIII, coa característica forma de ferradura cunha fronte de mar semicircular de cachotería e once troneiras habilitadas para outros tantos canóns. Na retagarda, pola fronte de terra, atopábanse os cuarteis para a tropa, dependencias de oficiais, almacéns de pólvora e artillería e cociñas.

Actualmente consérvanse parte do parapeto, a plataforma de pedra do adarve, tres troneiras, restos do forno de “bala vermella” e os alicerces dos antigos cuarteis.

Horario de visitas:

O acceso ao recinto é permanente.

Máis información

Ferrol. Baterías Militares

https://www.observersciencetourism.com/es/destino/baterias-militares-de-ferrol-a-coruna

Muralla do castelo de Vimianzo.

Estrutura defensiva composta de bloques de pedra de maior ou menor tamaño, que arrodea unha torre ou núcleo central, presentando un ou máis accesos e sendo de altura variable. A súa complexidade e entidade aumentan conforme se avanza nas formas arquitectónicas, podendo ter torres no medio, coñecidos coma torreóns.

Muralla del castillo de Vimianzo.

Estructura defensiva compuesta por bloques de piedra de mayor o menor tamaño, que rodea una torre o núcleo central, presentando uno o más accesos y siendo de altura variable. Su complejidad y entidad aumentan conforme se avanza en las formas arquitectónicas, pudiendo tener torres en medio, conocidos como torreones.