Municipio: Ferrol
Parroquia: Santa María de Brión
Lugar: Rabo da Porca. San Cristovo
A batería de San Carlos forma parte do reforzamento defensivo da boca da ría de Ferrol que se realizou entre 1739 e 1774 coa instalación dunha serie de fortificacións complementarias aos castelos de San Felipe (Ferrol) e A Palma (Mugardos). Precisamente na ribeira norte da ría, ademais da de San Carlos, edificáronse pola mesma época os fortíns de San Cristovo, Viñas e Cabo Prioriño.
En concreto parece que San Carlos debeu construírse cara o 1762, probablemente segundo proxecto do enxeñeiro Francisco Llovet. A súa función era dobre, por unha parte reforzaba a defensa da enseada de Cariño para evitar posibles desembarcos inimigos, e por iso cruzaba o seu fogo coas veciñas baterías de San Cristovo e Viñas e por outra apoiaba tamén defensivamente a boca da ría. Este dobre desempeño determinou que a fronte costeira da fortaleza estivese disposta en ángulo para atender a dous flancos diferentes.
A batería tiña capacidade para doce canóns, cinco deles orientados á praia de cariño e o resto á canle da ría. Pola fronte de terra construiuse un hornabeque con dous semibaluartes unidos por unha cortina. Toda esta zona está dotada con aspilleiras para que os fusileiros puidesen disparar ante un posible ataque pola retagarda.
Unha particularidade da fortaleza é que xusto debaixo do adarve da batería existen unha serie de dependencias abovedadas destinadas ao aloxamento da tropa, cuarto para oficiais e almacéns. Actualmente consérvanse aínda as chemineas e lareiras das estancias.
En 1770 o enxeñeiro Miguel de Hermosilla proxectou unha serie de reformas en San Carlos e entre elas a construción dun foso, pero probablemente as dificultades técnicas, ao ter que ser escavado directamente na rocha, fixeron que a obra non se levase a cabo.
Na actualidade o fortín atópase bastante ben conservado con todo a fronte de mar practicamente completa e tamén as estancias debaixo do adarve. A batería está incluída dentro da ruta das baterías militares do Concello de Ferrol.
Horario de visitas:
O acceso ao recinto é permanente.
Máis información
A Batería de San Carlos está incluída dentro da ruta de baterías militares do Concello de Ferrol que une o Castelo de San Felipe coa Batería de San Cristovo nun percorrido de ida e volta de 6 quilómetros.
https://www.observersciencetourism.com/es/destino/baterias-militares-de-ferrol-a-coruna
Estrutura defensiva composta de bloques de pedra de maior ou menor tamaño, que arrodea unha torre ou núcleo central, presentando un ou máis accesos e sendo de altura variable. A súa complexidade e entidade aumentan conforme se avanza nas formas arquitectónicas, podendo ter torres no medio, coñecidos coma torreóns.
Estructura defensiva compuesta por bloques de piedra de mayor o menor tamaño, que rodea una torre o núcleo central, presentando uno o más accesos y siendo de altura variable. Su complejidad y entidad aumentan conforme se avanza en las formas arquitectónicas, pudiendo tener torres en medio, conocidos como torreones.