Torre da Penela

Municipio: Cabana de Bergantiños

Parroquia: San Pedro da Silvarredonda

Lugar: A Penela

Na Penela, consérvase unha das dúas torres que formaban a antiga fortaleza da Penela e que no século XVII foi reconvertida en pazo. Este edificio era o solar do vínculo do mesmo nome fundado por Lope Bermúdez, da casa dos Bermúdez de Traba e Montaos. Lope casou con Urraca de Moscoso e desta maneira emparentou coa casa de Altamira, unha das familias nobres máis poderosas da Costa da Morte e da Galicia baixomedieval. O fillo deste matrimonio foi Rui Soneira de Riobóo, que tomou o nome da torre de Riobóo, moi próxima e que era tamén propiedade familiar. Xa no século XVIII a torre pasou a formar parte das propiedades dos condes de Priegue tamén donos do pazo de Anceis (Cambre) e a Torre de Celas (Culleredo).

A torre ten planta cadrada e está construída con aparello de cachotería nos lenzos e perpiaños de granito colocados nos cantos e tamén nas fiestras e portas. Está organizada en tres andares e o acceso faise pola planta baixa a través dun arco de medio punto con grandes doelas.  No interior xa non se conservan os pisos nin os tellados, pero aínda se aprecia unha lareira coa súa cheminea no primeiro andar. A parte superior da torre está coroada por varios merlóns, que non son de fábrica medieval senón máis tardíos, e nun dos ángulos hai unha gárgola de pedra para evacuar a auga da choiva. Nunha das portas da fachada sitúase un brasón bastante desgastado onde se poden distinguir as armas dos Riobóo (torre), Bermúdez (escaques) e Castro (roeis). 

O estado de conservación da torre é malo, pero o seu acceso é doado ao atoparse no núcleo da Penela, próxima a estrada principal.

Horario de visitas:

A Torre da Penela é propiedade privada pero está en proceso de compra por parte do Concello de Cabana de Bergantiños, polo que é de esperar de que nun futuro próximo poida ser restaurada e acondicionada para a visita.

Na actualidade é posible achegarse ata ela a pesar do seu estado de deterioro.

Muralla do castelo de Vimianzo.

Estrutura defensiva composta de bloques de pedra de maior ou menor tamaño, que arrodea unha torre ou núcleo central, presentando un ou máis accesos e sendo de altura variable. A súa complexidade e entidade aumentan conforme se avanza nas formas arquitectónicas, podendo ter torres no medio, coñecidos coma torreóns.

Muralla del castillo de Vimianzo.

Estructura defensiva compuesta por bloques de piedra de mayor o menor tamaño, que rodea una torre o núcleo central, presentando uno o más accesos y siendo de altura variable. Su complejidad y entidad aumentan conforme se avanza en las formas arquitectónicas, pudiendo tener torres en medio, conocidos como torreones.