Torre de Celas

Municipio: Culleredo

Parroquia: Santa María de Celas

Lugar: Celas

A Torre de Celas pertenceu á antiga fortaleza da Vinseira e aínda que se descoñece exactamente a data da súa edificación, as súas características construtivas indican que probablemente sexa baixomedieval. En calquera caso, coñecemos a súa súa existencia no ano 1395 por un preito entre o seu señor e o concello da Coruña. O motivo do conflito estaba relacionado co feito de que A Coruña era vila de reguengo concedido por Afonso IX xa no século XIII e a torre atopábase nos límites do seu alfoz e ademais nun punto estratéxico de control da vía que a unía con Santiago. Por tanto o concello da Coruña non quería permitir o desenvolvemento dun señorío xurisdicional dentro do seu territorio nin o cobro de peaxes aos viaxeiros polos señores de Celas. A disputa resolveuse a favor do concello cunha acta que obrigaba a derrubar “todas as çerquas et muros et penedos et pedras darredor” e que non foi cumprida.

A torre pertenceu á casa de Andrade durante a Idade Media, pero tivo tamén outros propietarios como os Ponte, Freixomil e Maldonado. Durante a Idade Moderna foi transformada en pazo engadíndolle un edificio pacego, que hoxe en día non se conserva. Na década de 1990, despois dun longo período de abandono, a Torre de Celas restaurouse e acondicionouse como museo pola  Escola-Taller “Ponte do Burgo”, intervindo tamén na contorna para a súa conversión en parque público. 

A Torre de Celas probablemente foi a torre da homenaxe da fortaleza da Vinseira. Ten planta cadrada, cada lado mide oito metros e posúe unha altura total de doce metros. Está construída a base de perpiaños de granito e os seus muros teñen un grosor de 1,20 metros. Na construción aprécianse diversos elementos típicos das arquitecturas defensivas como algúns matacáns na parte superior, varias troneiras e tamén seteiras nos lenzos.

O edificio conta tamén con tres andares e sobre unha fiestra do segundo piso apréciase un brasón con dous escudos de difícil interpretación, un deles seguramente dos Andrade, separados por un cáliz e unha hostia aludindo probablemente ao Reino de Galicia.

Moi preto da torre atópase a igrexa de Santa María de Celas, de orixe románico e reformada no século XVIII, que posúe unha interesante colección de canzorros e outros elementos de época medieval como a fiestra exterior da ábsida.

Horario de visitas:

Está situada no parque de Celas. Non se pode acceder ao seu interior actualmente, pero é posible percorrer toda a súa contorna.

Muralla do castelo de Vimianzo.

Estrutura defensiva composta de bloques de pedra de maior ou menor tamaño, que arrodea unha torre ou núcleo central, presentando un ou máis accesos e sendo de altura variable. A súa complexidade e entidade aumentan conforme se avanza nas formas arquitectónicas, podendo ter torres no medio, coñecidos coma torreóns.

Muralla del castillo de Vimianzo.

Estructura defensiva compuesta por bloques de piedra de mayor o menor tamaño, que rodea una torre o núcleo central, presentando uno o más accesos y siendo de altura variable. Su complejidad y entidad aumentan conforme se avanza en las formas arquitectónicas, pudiendo tener torres en medio, conocidos como torreones.