Castelo de Portomeiro

Municipio: Val do Dubra

Parroquia: San Cosme de Portomeiro

Lugar: Portomeiro

O castelo de Portomeiro é unha fortificación altomedieval ocupada entre os séculos IX e X d. C., asentada sobre un anterior xacemento castrexo datable arredor do século II a. C. polos materiais cerámicos recuperados nos traballos arqueolóxicos realizados nos últimos anos.

Este tipo de asentamentos son moi pouco coñecidos en Galicia pero nos últimos anos en Portomeiro téñense desenvolvido diferentes campañas de escavación dentro do proxecto “Castelos no Aire” do grupo de investigación Síncrisis da Universidade de Santiago de Compostela, dirixidas por Mario Fernández-Pereiro e José Carlos Sánchez Pardo que achegan nova información de grande interese.

Portomeiro é un asentamento fortificado con ampla visibilidade sobre o val do Tambre (sur) e o val de Portomeiro (norte). Está situado na parte máis alta dun outeiro con pendentes moi acusadas en todas as direccións, sendo o acceso máis doado a ladeira norte que mira cara a aldea de Portomeiro. O sitio arqueolóxico componse aparentemente dun único recinto ou croa de aproximadamente 3.500 metros cadrados delimitado por unha muralla reforzada no seu perímetro por bolos graníticos que serven tamén como excelentes atalaias de observación. 

Durante as escavacións localizáronse diferentes estruturas de cronoloxía medieval como unha porta de acceso ao recinto realizada na muralla, con limiar e xambas feitas a base de perpiaños de granito e varias edificacións construídas en cachotería careada tamén de granito e cos cantos moi ben traballados. Entre elas destaca un gran complexo construtivo que conta cun patio, diferentes dependencias anexas e ocupa case unha terceira parte do recinto superior do castelo, situándose nunha posición central. Do mesmo xeito, localizáronse outras tres edificacións. Unha delas, localizada no extremo oeste da croa e actualmente restaurada, ten planta rectangular e semella que desempeñou funcións de cociña e almacén. No extremo oposto escavouse  outro edificio con forma de L, construído con boa cachotería de granito e con perpiaños reforzando algún dos ángulos. Esta estrutura presenta a particularidade de estar acaroada á muralla. Por último entre o edificio en L e o gran complexo central localizouse outra edificación de planta rectangular.

En Portomeiro as defensas están constituídas pola muralla, os bolos de granito que funcionan practicamente como torres e puntos de observación e o propio emprazamento do castelo cun extraordinario dominio visual. A súa misión foi probablemente o control das vizosas terras agrícolas do val de Portomeiro e o paso do río Tambre dentro dun contexto histórico de reorganización dos poderes locais en relación ao desenvolvemento do núcleo urbano de Compostela, pouco tempo despois da descuberta da tumba do apóstolo Santiago.

Horario de visitas:

Aberto permanentemente

Máis información:

O Castelo de Portomeiro é propiedade da Asociación Cultural Larada do Val do Dubra que é tamén a promotora das escavacións arqueolóxicas e da posta en valor do xacemento arqueolóxico. As diferentes intervencións realizadas (2020-2022) foron financiadas pola Deputación da Coruña e os proxectos de investigación do profesor da Universidade de Santiago de Compostela José Carlos Sánchez Pardo.

Muralla do castelo de Vimianzo.

Estrutura defensiva composta de bloques de pedra de maior ou menor tamaño, que arrodea unha torre ou núcleo central, presentando un ou máis accesos e sendo de altura variable. A súa complexidade e entidade aumentan conforme se avanza nas formas arquitectónicas, podendo ter torres no medio, coñecidos coma torreóns.

Muralla del castillo de Vimianzo.

Estructura defensiva compuesta por bloques de piedra de mayor o menor tamaño, que rodea una torre o núcleo central, presentando uno o más accesos y siendo de altura variable. Su complejidad y entidad aumentan conforme se avanza en las formas arquitectónicas, pudiendo tener torres en medio, conocidos como torreones.