Castelo da Rocha Forte

Municipio: Santiago de Compostela

Parroquia: Santa María de Conxo

Lugar: A Rocha Vella

O castelo da Rocha Forte foi a mellor e máis grande fortaleza dos arcebispos de Compostela e probablemente a maior de Galicia na baixa Idade Media. Levantouse durante a prelatura de Juan Arias cara a 1240 cunha función inicialmente residencial e de control das rutas comerciais que unían Santiago con Noia e Padrón respectivamente. 

A inicios do século XIV o arcebispo Berenguel de Landoira atopouse coa oposición da cidade Compostelá ao seu nomeamento e utilizou a fortificación como posto de ataque, pero tamén de defensa fronte ao asedio. Cando finalmente conseguiu o control da arquidiocese emprendeu un programa de reformas que acentuaron as súas características defensivas dándolle unha estrutura de castelo concéntrico que seguía un modelo deseñado polos cruzados franceses en Terra Santa.

A Rocha Forte sofreu dous asedios. O primeiro en 1458, cando unha irmandade formada por burgueses de Compostela, Muros e Noia apoiada polo conde de Trastámara cercou o castelo ata que finalmente o Rei Enrique IV ordenou levantar o sitio. A segunda ocasión foi na Guerra Irmandiña en 1467, e desta vez rematou co seu derrubo. Evidencias do asedio aínda se aprecian hoxe entre as ruínas da fortificación inzadas de pelouros esféricos de granito usados como proxectís tanto por defensores como por atacantes. Ao pouco tempo da súa caída chegou o abandono e o desmantelamento mediante o uso das súas pedras para construción doutros edificios.

A comezos do século XXI diferentes escavacións arqueolóxicas sacaron de novo á luz os alicerces da Rocha Forte, longo tempo oculta baixo toneladas de entullos.

Na actualidade o castelo que se pode ver ocupa unha superficie aproximada de 3.500 metros cadrados e atópase derruído, nalgunhas zonas ata os alicerces (na parte central e na torre da homenaxe), e noutras posúe muros aínda moi ben conservados de máis de tres metros de altura (na muralla suroeste e sueste). A construción atópase tamén parcialmente destruída no seu lado nordeste polo paso dunha vía férrea.

A fortaleza estaba composta de varias cercas. A máis interior, realizada en cantería regular de granito, aínda presenta a maior parte do seu trazado. Tiña un total de nove torres: catro circulares nos cantos, das cales consérvanse dúas, outras tres cadradas situadas entre as circulares, das cales consérvanse os alicerces de dúas, e outras dúas máis a ambos lados da entrada. No centro do castelo situábase a torre da homenaxe, da que apenas hai algúns perpiaños da base e as marcas do seu perímetro na rocha. Ao carón da muralla suroeste aínda se pode ver un alxibe en  moi bo estado.

Rodeando a muralla interior hai unha segunda muralla (antemuralla ou falsabraga) xa de factura menos elaborada, cuxa función era protexer á muralla interior dos impactos da artillería e dificultar máis o acceso a posibles atacantes.

Horario de visitas:

Aberto permanentemente.

O Castelo da Rocha Forte está habilitado para a súa visita e conta con sinalización interpretativa na súa contorna.

Máis información.

https://rochaforte.santiagodecompostela.gal/?lang=es

Muralla do castelo de Vimianzo.

Estrutura defensiva composta de bloques de pedra de maior ou menor tamaño, que arrodea unha torre ou núcleo central, presentando un ou máis accesos e sendo de altura variable. A súa complexidade e entidade aumentan conforme se avanza nas formas arquitectónicas, podendo ter torres no medio, coñecidos coma torreóns.

Muralla del castillo de Vimianzo.

Estructura defensiva compuesta por bloques de piedra de mayor o menor tamaño, que rodea una torre o núcleo central, presentando uno o más accesos y siendo de altura variable. Su complejidad y entidad aumentan conforme se avanza en las formas arquitectónicas, pudiendo tener torres en medio, conocidos como torreones.