Torres de Altamira

Municipio: Brión

Parroquia: San Fins de Brión 

Lugar: As Torres

As Torres de Altamira foron a fortificación máis importante e cabeza visible dos estados da familia Moscoso, señores de Altamira. O castelo ocupa actualmente unha superficie aproximada de 2.900 metros cadrados e localízase nun outeiro con bo dominio visual sobre o val da Maía. Segundo algúns autores as Torres poderían ter sido construídas sobre un anterior castro da Idade do Ferro, pero esta afirmación non se pode corroborar actualmente con datos arqueolóxicos.

Pouco se sabe sobre as orixes da fortaleza. A edificación do primeiro castelo semella ser do século IX e sería posteriormente destruído no ano 1073 por Gonzalo de Moscoso. Durante a súa historia foi sometido a diferentes destrucións e reconstrucións, aínda que o castelo actual foi levantado cara o 1462 por Bernal Eanes de Moscoso, coa autorización do arcebispo Fonseca I.

Durante a Guerra Irmandiña (1467-1469) as Torres foron asaltadas polos sublevados e probablemente sufriron danos importantes dos que descoñecemos a súa magnitude. As posteriores reparacións da fortaleza a cargo de Lopo Sánchez de Moscoso, primeiro conde de Altamira, provocaron os receos do prelado Alonso II de Fonseca, quen vai sometelas a un asedio en 1471. Este conflito resólvese na denominada Batalla de Altamira, e dela saíron enormemente reforzados os Moscoso.

A partir do século XVI o castelo comezou a decaer, pois os condes trasladaron a súa residencia principal á cidade de Santiago. As Torres aínda funcionaron durante un tempo como cárcere, arquivo e lugar de recadación de impostos, pero a finais do século XVIII xa estaban en situación de abandono. En 1872 vendéronse e acabaron convertidas nunha canteira coas súas pedras postas á venda. Finalmente en 1973 a Deputación da Coruña comprou o solar e consolidou as ruínas das Torres para que puidesen ser visitadas.

Actualmente obsérvanse no lado oeste dúas torres en diferente estado de conservación. A situada máis ao norte, probablemente a torre da homenaxe, é de planta cadrada e conserva o basamento con muros de 2,80 metros de espesor. Ao sur hai outra torre moito mellor conservada, de oito  metros de altitude e cuberta por unha bóveda de canón. Anexa á torre, polo norte, recoñécese unha estrutura cadrada cos seus muros en diferente estado de conservación e na que se observan restos dunha porta co arranque dun arco que perdeu a súa parte superior.

Na fortaleza identifícase tamén a fachada dunha construción de tipo residencial ou pacega de tres plantas, na que se abren diferentes vans ornamentados (portas, fiestras e seteiras). En fronte á construción residencial sitúase tamén un alxibe circular de 2,65 metros de diámetro realizado en boa cantería de granito. Por último a amplitude do patio de armas, único espazo público da fortificación, ofrece unha idea da relevancia do conxunto durante a Idade Media.

Horario de visitas:

Aberto permanentemente

As Torres de Altamira están habilitas para a súa visita e contan con sinalización interpretativa na súa contorna.

Máis información.

https://turismo.dacoruna.gal/es/descubre/patrimonio-provincial/torres-de-altamira

Muralla do castelo de Vimianzo.

Estrutura defensiva composta de bloques de pedra de maior ou menor tamaño, que arrodea unha torre ou núcleo central, presentando un ou máis accesos e sendo de altura variable. A súa complexidade e entidade aumentan conforme se avanza nas formas arquitectónicas, podendo ter torres no medio, coñecidos coma torreóns.

Muralla del castillo de Vimianzo.

Estructura defensiva compuesta por bloques de piedra de mayor o menor tamaño, que rodea una torre o núcleo central, presentando uno o más accesos y siendo de altura variable. Su complejidad y entidad aumentan conforme se avanza en las formas arquitectónicas, pudiendo tener torres en medio, conocidos como torreones.