Torreón dos Andrade

Municipio: Pontedeume

Parroquia: Santiago de Pontedeume

Lugar: Avda. Torreón, s/n

O Torreón dos Andrade recibe tamén o nome de Torre do Pazo do Conde e está unido de maneira estreita á historia desta familia e de Pontedeume. 

Orixinalmente formaba parte dunha fortaleza levantada no século XIV por Fernán Pérez de Andrade, alcumado O Bo, quen despois de apoiar ao rei Enrique II de Trastámara na guerra civil contra Pedro I, obtivo diversos favores do monarca como o señorío da vila e a súa proclamación como primeiro conde de Pontedeume.

Nese momento comezou o gran ascenso social da casa Andrade de maneira que Fernán Pérez se converteu nun dos principais apoios de Enrique II en Galicia. En 1431 os excesos dos descendentes da familia, especialmente de Nuno Freire de Andrade, O Mao en forma de pillaxes e impostos provocaron a rebelión das xentes dos seus territorios baixo o mando de Roi Xordo, chegando a sitiar a Nuno no veciño castelo da Nogueirosa, aínda que finalmente foron derrotados. Na segunda Guerra Irmandiña (1467-1469) volveu haber un levantamento de campesiños, artesáns, burgueses e pequena nobreza e desta volta conseguiron inicialmente tomar Pontedeume e a fortaleza dos Andrade, aínda que foi recuperada polos señores ao pouco tempo.

Na vila de Pontedeume, na Igrexa de Santiago está enterrado Fernando de Andrade, un dos últimos grandes representantes da familia que promoveu a creación da Casa de Contratación da Especiaría na Coruña, apoiou o voto para o Reino de Galicia nas Cortes de 1520 e capitaneou a armada que levou ao rei  Carlos V a Flandres. A súa filla casou con Fernando Ruiz de Castro y Portugal, VI conde de Lemos de maneira que os casas Andrade e Lemos quedaron fusionadas.

A partir do século XVI a fortaleza experimentou grandes modificacións quedando integrada dentro dunha gran complexo de tipo pacego que comprendía numerosas dependencias entre as que estaban unha área residencial, un amplo patio porticado e unha capela dedicada a San Miguel. No século XIX o Torreón funcionou como cárcere do partido xudicial de Pontedeume e a inicios do século XX o pazo do Conde atopábase xa en estado de abandono. En 1905 o concello comproulle o inmoble aos seus propietarios, nese momento a casa de Alba, e emprendeu un proceso urbanizador da vila que tivo como consecuencia o derrubo en diferentes fases das edificacións anexas á Torre, culminando cara o 1935 coa demolición completa do pazo. Na década de 1950 unha nova conciencia da importancia deste elemento patrimonial levou a unha primeira restauración do Torreón polo arquitecto Antonio Tenreiro e unha segunda rehabilitación foi executada por Carlos Fernández Gago-Varela en 1974. Anos máis tarde abriuse o Centro de Interpretación dos Andrade, que segue funcionando na actualidade como centro museístico e como oficina de información turística.

O Torreón é unha arquitectura impoñente de 18 metros de altura e 11,5 metros de lado  construído con lousas de xisto nos lenzos e perpiaños de granito nos ángulos e nos contornos de fiestras e portas. Na parte superior hai varios merlóns saíntes colocados sobre ménsulas e desde esa zona contrólase visualmente toda a vila e a ponte que cruza o Eume. O interior está organizado en catro andares dos cales a planta baixa usouse como calabozo e almacén; a primeira planta funcionaba como corpo de garda; o terceiro andar era espazo de cociña e comedor e tamén conserva unha latrina visible desde o exterior; a terceira planta era a residencia do señor e a cuarta altura é a terraza-miradoiro.

No medio da fachada hai tamén un impresionante escudo de armas de don Ginés Ruiz de Castro Andrade y Portugal, XI conde Lemos e VIII de Andrade (1666-1741) procedente do antigo pazo.

Horario de visitas:

Verán: de 11:00-14:00 h. e de 16:00 a 20:30 h.

Horario de 11:30 a 14:00 h e de 16:30-20:00 h.

Pecha o 25 de decembro e o 1 de xaneiro.

Máis información:

O Torreón acolle actualmente un Centro de Interpretación sobre a historia de Pontedeume e a oficina de información turística.

https://www.pontedeume.gal/project/oficina-de-turismo/

Muralla do castelo de Vimianzo.

Estrutura defensiva composta de bloques de pedra de maior ou menor tamaño, que arrodea unha torre ou núcleo central, presentando un ou máis accesos e sendo de altura variable. A súa complexidade e entidade aumentan conforme se avanza nas formas arquitectónicas, podendo ter torres no medio, coñecidos coma torreóns.

Muralla del castillo de Vimianzo.

Estructura defensiva compuesta por bloques de piedra de mayor o menor tamaño, que rodea una torre o núcleo central, presentando uno o más accesos y siendo de altura variable. Su complejidad y entidad aumentan conforme se avanza en las formas arquitectónicas, pudiendo tener torres en medio, conocidos como torreones.