Torre de Nogueira

Municipio: Coristanco

Parroquia: San Mamede de Seavia

Lugar: Nogueira

A Torre de Nogueira formou parte dunha fortificación situada no denominado coto de Nogueira, localizado no sur do actual concello de Coristanco, e a súa orixe foi nunha concesión de terras que o mosteiro de San Mamés de Seavia fixo durante a Baixa Idade Media á familia Bermúdez de Montaos.

A fortaleza pertenceu entre outros a Pedro Bermúdez, “O Vello”, señor de Montaos e pai de Fernando de Castro, que foi o primeiro abade da Colexiata de Santa María da Coruña. Fernando  herdou o señorío da Nogueira e mudou o seu apelido para Fernando Bermúdez de Castro, dando  orixe aos Bermúdez de Castro. Esta familia foi a propietaria da fortaleza ata o século XVII cando pasou a integrase no patrimonio dos marqueses de Cañizar. Nesta época o edificio cumpría a función de lugar de recadación de rendas e centro de administración da familia nobre no territorio da Costa da Morte.

No ano 1847 o coto de Negueira vendeuse xunto coa casa e a torre ao avogado José María Maya Barrera e permaneceu na súa familia ata 1941, cando a súa propietaria, Pilar Maya Cano-Manuel, doa os bens aos Pais Redentoristas da Coruña e Burgos. En 1959 foi finalmente adquirida pola familia Rabuñal Pose que son os seus actuais propietarios.

Da fortaleza medieval tan só se conserva unha das dúas torres orixinais, probablemente a que desempeñou as funcións de torre da homenaxe. Trátase dunha edificación de planta cadrada de oito metros de lado e trece metros de altura construída a base de perpiaños de granito. Posúe tres andares e na planta baixa localizase a entrada a través dun arco apuntado. Na segunda planta, na fachada principal, hai unha fiestra tamén de arco apuntado cun brasón dos Bermúdez na parte inferior e outro enriba cos símbolos dos Moscoso (cabeza de lobo), Figueroa (follas de figueira), Riobóo (torre) e os Bermúdez (escaques).

No lado dereito, formando unha L coa torre, hai un outro edificio residencial de dous andares que pertenceu ao pazo dos Bermúdez de Castro e foi edificado durante a Idade Moderna. Está construído a base de cachotería de xisto e pezas de granito en portas e fiestras. A porta de entrada posúe un arco de ferradura e a ambos lados dunha das fiestras hai dous escudos dos Castro e Bermúdez de Castro.

Horario de visitas:

A torre é propiedade privada e ten uso residencial na actualidade polo que non está permitido o acceso ao seu interior, per é posible achegarse ata o lugar e apreciar a súa arquitectura desde o interior.

Muralla do castelo de Vimianzo.

Estrutura defensiva composta de bloques de pedra de maior ou menor tamaño, que arrodea unha torre ou núcleo central, presentando un ou máis accesos e sendo de altura variable. A súa complexidade e entidade aumentan conforme se avanza nas formas arquitectónicas, podendo ter torres no medio, coñecidos coma torreóns.

Muralla del castillo de Vimianzo.

Estructura defensiva compuesta por bloques de piedra de mayor o menor tamaño, que rodea una torre o núcleo central, presentando uno o más accesos y siendo de altura variable. Su complejidad y entidad aumentan conforme se avanza en las formas arquitectónicas, pudiendo tener torres en medio, conocidos como torreones.