O castelo de Moeche, durante a Idade Media pertenceu a casa de Andrade e posteriormente aos condes de Lemos. Actualmente é unha das fortalezas medievais máis completas e mellor conservadas de Galicia. A este estado de conservación contribuíron moito as diversas actuacións arqueolóxicas e de rehabilitación integral que se levaron a cabo no edificio dende a década de 1990.
O Castelo de Moeche atópase situado, ao contrario do que adoita ser habitual, nun val rodeado de montes. Descoñécese a data da súa construción, pero en calquera caso é de orixe baixomedieval, probablemente do século XIV. Algúns autores defenden que foi escenario privilexiado da primeira Guerra Irmandiña no ano 1431, cando os membros da denominada Irmandade Fusquenlla enfrontáronse a Nuno Freire de Andrade, O Mao. Segundo esta hipótese Nuno, acurralado conseguiu escapar, correu a refuxiarse na fortaleza da Nogueirosa (Pontedeume) e posteriormente acabou co levantamento.
Segundo outros autores, a destrución do castelo produciuse realmente na segunda Guerra Irmandiña, no ano 1467. Neste momento a fortificación xa pertencía a casa de Lemos e sería precisamente o conde Pedro Álvarez Osorio quen ordenaría a súa reconstrución. En calquera caso, as diferentes escavacións arqueolóxicas realizadas en 1991 e 2002 permitiron sacar á luz os alicerces do castelo primitivo, anterior á reconstrución, que se poden apreciar perfectamente hoxe en día no patio de armas.
Durante a Idade Moderna Moeche aínda seguirá xogando un papel destacado como lugar de recadación de rendas, aínda que a súa importancia decaerá e será pouco a pouco abandonado. En 1890 os seus propietarios, a casa de Alba, pretenderon facer unha poxa para vender a pedra como material de construción, pero a presión popular conseguiu salvalo finalmente.
O castelo posúe unha planta poligonal, na que destaca o seu sistema defensivo, composto por un foso escavado na rocha e unha sólida muralla exterior. O muro conta con máis de dez metros de altura e tres metros de grosor, o que permite o desenvolvementodun adarve ameado que coroa o recinto. O outro elemento destacado da fortaleza é a grande torre da homenaxe, de planta cadrada e tres pisos de altura, que actúa como elemento distribuidor do resto de estancias do recinto fortificado. Nesta torre é posible que estivese a cadea e a vivenda do señor. Ao redor do patio de armas tamén se atopan diferentes dependencias como estancias para a soldadesca, un edificio para a servidume, cortes e zona de cociña e apousentos.
Actualmente a fortaleza é propiedade da casa de Alba pero foi cedida temporalmente ao Concello de Moeche para ser aberta aos visitantes. Actualmente acolle tamén o Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas.
Horario de visitas:
Verán 2022 (do 1 de xuño ao 30 de setembro)
Martes: de 16:00 a 19:30 h.
Mércores, xoves e venres: de 11:30 a 13:30 e de 16:00 a 19:30 h.
Sábado, domingo e festivos: de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h
Cando o festivo cadra entre semana ábrese no horario establecido e péchase o seguinte día laboral.
Luns pechado.
Máis información.
Estrutura defensiva composta de bloques de pedra de maior ou menor tamaño, que arrodea unha torre ou núcleo central, presentando un ou máis accesos e sendo de altura variable. A súa complexidade e entidade aumentan conforme se avanza nas formas arquitectónicas, podendo ter torres no medio, coñecidos coma torreóns.
Estructura defensiva compuesta por bloques de piedra de mayor o menor tamaño, que rodea una torre o núcleo central, presentando uno o más accesos y siendo de altura variable. Su complejidad y entidad aumentan conforme se avanza en las formas arquitectónicas, pudiendo tener torres en medio, conocidos como torreones.