Castelo de Andrade

Municipio: Pontedeume

Parroquia: San Cosme de Nogueirosa

Lugar: Pena Leboreira

O Castelo de Andrade ou da Nogueirosa é un dos mellores exemplos de castelo roqueiro ou niño de aguias, de Galicia. O seu emprazamento nun curuto rochoso destacado sobre a contorna outórgalle un extraordinario dominio visual sobre a paisaxe e especialmente sobre a vila e ría de Pontedeume, dominios da familia Andrade, propietaria da fortaleza.

A súa construción data de 1369 en tempos de Fernán Pérez de Andrade, O Bo e non estivo exenta de polémica porque a fortaleza estaba dentro do couto da Nogueirosa, propiedade do mosteiro de Sobrado dos Monxes. Esta circunstancia motivou as protestas do prior do cenobio e resolveuse finalmente grazas á mediación real.

A fortaleza non tiña función residencial senón defensiva e de control territorial, sendo ocupada por unha pequena gornición que podería chegar aos 40 ou 50 soldados ao mando dun alcaide ou meiriño. De feito, foi escenario de varios episodios bélicos relevantes, concretamente durante a primeira Guerra Irmandiña, no 1431 cando foi cercado polos sublevados que non conseguiron tomar finalmente a fortaleza. Na segunda Guerra Irmandiña, no 1467, volverá a ser asediado e desta volta parcialmente destruído polos asaltantes. Esta segunda revolta, dirixida por Alonso de Lanzós, obrigará Fernán Pérez de Andrade VI, señor de Pontedeume e ao seu fillo Diego de Andrade a fuxir. Posteriormente o castelo foi recuperado polos Andrade, Lanzós axustizado e o castelo reparado coa axuda dos vasalos.

Despois da morte de Diego de Andrade a finais do século XV o castelo foi abandonado e pouco a pouco foi esmorecendo e quedando en ruínas. Ao longo da Idade Moderna a súa propiedade foi mudando de mans ata integrarse dentro do patrimonio da Casa de Alba que, a finais da década de 1980, asinou un acordo co concello de Pontedeume para facelo visitable.

O castelo de Andrade presenta unha estrutura case prototípica. Conta cun foxo que rodea todo o conxunto y un recinto fortificado delimitado por unha alta muralla con torreóns de reforzo. O acceso realizábase a través dunha ponte levadiza e dunha única porta dotada de rastrelo. No interior apréciase un pequeno patio de armas e un alxibe que recollía a auga da choiva. Porén, o elemento máis destacado da fortaleza é a súa torre da homenaxe, feita con perpiaños de granito, con paredes de dous metros de ancho, unha planta de dez metros de longo e altura de vinte metros. No seu interior había dependencias para calabozos, corpo de garda e residencia do alcaide. Actualmente pódese visitar o seu interior sendo recomendables as extraordinarias vistas desde a parte máis alta.

Horario de visitas:

Aberto en tempada alta

Semana Santa:  

Mañá: de 11:30 a 14:00 h. 

 Tarde: de 16:00 a 19:30 h.

Verán: 

Mañá: de 11:00 a 14:00 h.

Tarde: de 16:00 a 20:30 h.

Máis información.

https://www.pontedeume.gal/project/castelo-de-andrade/

Muralla do castelo de Vimianzo.

Estrutura defensiva composta de bloques de pedra de maior ou menor tamaño, que arrodea unha torre ou núcleo central, presentando un ou máis accesos e sendo de altura variable. A súa complexidade e entidade aumentan conforme se avanza nas formas arquitectónicas, podendo ter torres no medio, coñecidos coma torreóns.

Muralla del castillo de Vimianzo.

Estructura defensiva compuesta por bloques de piedra de mayor o menor tamaño, que rodea una torre o núcleo central, presentando uno o más accesos y siendo de altura variable. Su complejidad y entidad aumentan conforme se avanza en las formas arquitectónicas, pudiendo tener torres en medio, conocidos como torreones.