Municipio: Mugardos
Parroquia: San Xulián de Mugardos
Lugar: A Redonda
O Castelo da Palma era un dos puntos clave do sistema defensivo da ría de Ferrol construído a finais do século XVI xunto cos Castelos de San Felipe (Ferrol) e de San Martiño (Ares) que formaban entre si unha sorte “triángulo de fogo” que facía case inexpugnable o acceso por parte dunha escuadra inimiga.
A primeira noticia da súa construción aparece nun plano de 1597 remitido polo adiantado de Castilla, Martín de Padilla, que acompañaba a unha carta onde se presenta un plan de defensa para a Ría. Nese momento o nome da fortaleza era de San Luís e mudou posteriormente polo da Palma. A inicios do século XVII contaba con once canóns.
Cara ao 1731, ao castelo orixinal engadíronselle dúas baterías pola dereita e outras dúas pola esquerda, sumando unha capacidade total de 30 canóns. Incorporáronse tamén un cuartel, polvoreira, corpo de garda e unha muralla que pechaba a fortaleza pola fronte de terra e aínda se realizou unha nova reforma no ano 1772.
No século XIX este castelo moderno foi derrubado e substituído polo actual, comezando as obras no 1860 e rematando en 1896. A súa estrutura xa se afasta das construcións abaluartadas do século precedente e organízase en varias liñas defensivas diferentes. A primeira liña se corresponde coa zonas do edificio orientadas ao mar que contan con baterías acasamatadas a dous niveis pensadas para acoller e protexer os canóns. Esta zona tiña a misión de impedir a entrada de embarcacións inimigas pola ría. A segunda liña consiste nunha batería, situada a unha altura superior á primeira, tamén coa función de defender a ría pero habilitada con dous canóns Krupp de maior calibre que os das casamatas. A terceira liña é o fronte de terra, denominada tamén de liña de gola ou pavillóns. Posúe unha planta con forma de V moi aberta, está rodeada por un foso e aquí localízase o acceso exterior ao edificio a través de una porta con ponte levadiza. Por último a fortaleza conta tamén cunha galería con aspilleiras para os disparos dos fusileiros.
Durante a guerra civil o Castelo da Palma mudou a súa función e utilizouse como prisión militar. Entre 1981 e 1983 estivo alí encarcerado o tenente coronel da Garda Civil Antonio Tejero, coñecido por ser un dos líderes do golpe de estado do 23 de febreiro de 1981.
Na década de 1990 A Palma deixou de cumprir as súas funcións militares e foi vendido polo Ministerio de Defensa a unha sociedade inversora para habilitalo como instalación hoteleira, aínda que o proxecto non chegou a levarse a cabo.
Horario de visitas:
O castelo é propiedade privada e permanece pechado a maior parte do ano. Porén, en tempada alta o Concello de Mugardos realiza visitas guiadas á fortaleza.
A información sobre as visitas ao Castelo da Palma publícase na páxina web do Concello de Mugardos.
https://mugardos.gal/cultura-e-turismo/
As reservas pódense facer presencialmente Oficina de Información Turística municipal de Mugardos, na Avenida do Mar, 1. Tamén se poden reservar no teléfono 630 885 761 ou no correo electrónico oit.mugardos@gmail.com
Estrutura defensiva composta de bloques de pedra de maior ou menor tamaño, que arrodea unha torre ou núcleo central, presentando un ou máis accesos e sendo de altura variable. A súa complexidade e entidade aumentan conforme se avanza nas formas arquitectónicas, podendo ter torres no medio, coñecidos coma torreóns.
Estructura defensiva compuesta por bloques de piedra de mayor o menor tamaño, que rodea una torre o núcleo central, presentando uno o más accesos y siendo de altura variable. Su complejidad y entidad aumentan conforme se avanza en las formas arquitectónicas, pudiendo tener torres en medio, conocidos como torreones.